Novas

MOAÑA NA GUERRA DA INDEPENDENCIA
 

 

X..C. VILLAVERDE
O actual escudo de Moaña data de 1950, cando o secretario municipal, Benito Conde, propuso modificar o anterior Constitucional por outro que aportara símbolos relacionados coas connotacións históricas do concello. A primeira representación escollida foi a fragata Numancia, a fin de lembrar ó almirante Méndez Núñez, soterrado na capela de O Real ata o ano 1883. O outro elemento en importancia, foi a plasmación da ponte rota de Pontesampaio, en conmemoración dos fillos da vila que tomaron parte na guerra de Independencia contra os franceses (Deseño do delineante Julio Montero do Concello de Pontevedra). O escudo anterior constaba dunha ponte coroada de loureiro –símbolo de victoria-, supostamente atribuída á participación dos moañeses na batalla de Ponteampaio. Hoxe en día, contamos con algunhas referencias documentais que van encher de contido a intuición deste secretario.
O Tratado de Fontainebleau asinado en outubro de 1807, prevía unha invasión francoespañola de Portugal, país aliado de Inglaterra, contra a que estaban en guerra. Pronto as tropas napoleónicas empezaron a tomar posicións nas principais cidades españolas, pasando a ter unha presenza ameazante. Napoleón consideraba fráxil a monarquía de Carlos IV e un grande impedimento para seus intereses, motivo polo cal o traslada a Bayonne en maio de 1808. A clase política considerouno coma unha usurpación do poder e querer impoñer, a seu irmán Xosé Bonaparte, na sucesión da coroa española. A presión política e popular, o motín de Aranxuez, os acontecementos do Dous de Maio en Madrid, e o chamamento ó levantamento armado contra os franceses, foron os prolegómenos da chamada Guerra de Independencia.
A raíz do traslado da familia real a Bayonne, vaise dar en Vilagarcia a primeira protesta galega antifrancesa (12-05-1808), onde os paisanos animaron á formación dun exército, pero como apunta Xosé Ramón Barreiro, na súa Gran Historia de Galicia, non tivo moita repercusión por non proceder dunha das grandes capitales do reino de Galicia. Pouco despois as autoridades coruñesas súmanse ó nomeamento de Fernando VII como herdeiro da coroa española e apoian á constitución da Xunta Suprema do Reino de Galicia con representación das sete capitais galegas. Ó mesmo tempo, e ante a ausencia dun poder central, aparecen as xuntas locais, vínculo de poder improvisado sen precedentes lexislativos nen tradicionais. Fidalgos, militares, cregos, empregados, burgueses, comerciantes, escribanos, correxidores, licenciados e xuíces dominan esta nova plataforna, quedando en escala inferior os mordomos, labregos, mariñeiros e xentes comúns. Destas xuntas locais sairá en xuño de 1808 a Xunta Suprema do Reino de Galicia, capaz é desenvolver unha política militar e, non só acadar a paz cos ingleses, senón que tamén, recibir axuda económica, militar e de subministros de armas. Co devir do tempo a partir de marzo de 1809 vaise crear a Xunta de Lobeira (Ourense) que ordeará e controlará as constitucións de xuntas menores nas vilas, cotos, parroquias das provincias do sur de Galicia de Tui e Ourense. De calquera maneira todas as actuacións militares en Galicia vanlle ser comunicada ó Marqués de la Romana, home de experiencia militar en Flandes, destinado a esta terra para liberala dos franceses.
Pola Historia de Cangas de Marinelli-Pumar-Rodal sabemos que o día 31 de maio de 1808, a capital santiaguesa estaba levantada e enviou un comunicado a tódalas poboacións galegas a fin de prepararse na defensa, facendo un chamamento ó alistamento de voluntarios, recollida de armas e facer provisión de víveres. Pola parroquia de Moaña presentáronse 259 mozos, por Domaio 96, 24 por Tirán, mentras que Meira montou xunta aparte por ser couto agregado ó marquesado de Valladares.

Clero e fidalguía
Cabe destacar o labor interesado do clero e fidalguía do Morrazo, empeñados en manter os privilexios seculares, e os cales solicitan postos importantes nas xuntas e ingresos na academia militar. Así Eugenio Santos, da casa do Foxón en Tirán, demanda ser cadete no Rexemento Provincial de Ourense. Manuel Saavedra e José Saavedra, ambos da casa de O Rosal, queren ser oficiais do exército. Gregorio Saavedra, fillo de José Saavedra, foi alférez de fragata. Benito Saavedra, outro dos fillos do señores do Rosal, foi tenente capitán do Batallón de Tiradores do Morrazo. José Jalón casado con Joaquina Saavedra, filla de José Saavedra, foi tenente coronel no Real Corpo de Artillería. Por outra banda, no ámbito relixioso temos a Félix Sequeiros, reitor da freguesía de Tirán, Pedro Saavedra de San Martiño, Ramón Rubiños párroco de Meira e Manuel Palmás crego de San Pedro de Domaio que formaron parte da Xunta do Goberno da vila de Cangas como representantes dos trozos de cada freguesía.

segue......


AS TERTULIAS DA LONXA : "Fin de século en Palestina ", de Miguel Anxo Murado. Venres 19 de xuño ás 21:00 horas na Casa de Cultura de Abelendo
 

En 1998, o escritor Miguel Anxo Murado foi a Palestina enviado polas Nacións Unidas. Permanecería alí cinco anos nos que viviu toda clase de situacións dramáticas e cómicas: desde representar a Palestina nunha feria internacional de turismo e presenciar atentados e bombardeos pasando por ser o portavoz oficial durante a visita do Papa. Fin de século en Palestina é o relato autobiográfico daquela experiencia personal na paz e na guerra, un relato auténtico, tenro, en parte tráxico e incluso ás veces humorístico da vida n un país cheo de cor e violencia. Visita a web de Miguel Anxo Murado

 

Web aloxada por Registros en la Red ©1999-2008 Concello de Moaña.. http://www.bibliomoana.net http://:moana.servidores.net http://moana.patentes.com. Biblioteca Pública Municipal de Moaña Quintela s/nº. 36950. Moaña (Pontevedra).Galicia. Teléfono 986 314250